Sunday 19 de May de 2024

Feijóo anuncia que en 2016 se destinarán máis fondos ca nunca, 16 millóns de euros, para contratar investigadores predoutorais e posdoutorais


Corresponden a dúas convocatorias coas que se asinarán contratos que estarán en vigor ata o 2019

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que neste 2016 se fará “o maior investimento da historia da autonomía para potenciar e consolidar a traxectoria dos nosos investigadores”. En concreto, aprobáronse dúas convocatorias, por un valor total de 16 millóns de euros, co que se contratará persoal predoutoral e posdoutoral ata o ano 2019.

Este investimento é un 26 por cento superior ao da convocatoria de 2015. Con el, financiaranse o contrato de 100 mozas e mozos na etapa predoutoral e 75 na etapa posdoutoral. Estes investigadores poderán ser contratados por unha das universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia ou os Centros do CSIC e o IEO radicados na comunidade autónoma. “Son 16 millóns de euros para que 175 persoas se formen, avancen no camiño á excelencia e sigan achegando o seu potencial ao sistema galego de I+D+i”, afirmou Feijóo.

Contratos predoutorais
Segundo explicou o presidente, os contratos de formación predoutoral terán unha duración de tres anos e un salario que oscila entre os 20.500 e os 23.500 euros. Asinaranse seis contratos máis ca na convocatoria anterior e haberá dúas novidades principais: a primeira, que no segundo ano de contrato poderán realizar unha estadía de tres meses no estranxeiro cunha achega extra de ata 4.500 euros, coa que poderán obter o doutorado internacional; a segunda, que, por primeira vez, se reservan 20 prazas para as áreas de Artes e Humanidades e Ciencias sociais e xurídicas.

Contratos posdoutorais
Os contratos para as persoas que xa son doutoras experimentan tamén unha forte subida, tanto no número de investigadores —14 máis— como na dotación do programa —que crece en 2,2 millóns de euros—. Cada un dos 75 contratados poderán pasar dous anos no estranxeiro e o último en Galicia, con salarios que oscilan entre os 35.000 e os 43.500 euros ao ano. Feijóo dixo que estes salarios crecen desde a convocatoria pasada, na que estaban entre os 34.000 e os 40.000.

A principal novidade é que se establece un contrato específico para afianzar e consolidar a traxectoria investigadora das nosas científicas e científicos, que suporá que, ademais dun soldo de 37.000 euros ao ano durante dous anos, reciban 20.000 euros para apoialos na busca de liñas propias de investigación.

Crecemento da comunidade investigadora
Grazas a estas dúas liñas de apoios, convocadas conxuntamente pola Consellería de Cultura e Educación e a Axencia Galega de Innovación, seguiremos ampliando o número de investigadores pre e posdoutorais na nosa comunidade, que agora mesmo ascende a 147 e 133, respectivamente, con apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Así, entre os anos 2011 e 2014 temos financiado 387 contratos predoutorais e entre 2012 e 2014, 236 contratos posdoutorais.

Feijóo explicou como, “desde que aminoraron os impactos da crise económica”, a Xunta leva facendo unha aposta decidida por “consolidar o ecosistema de investigación en Galicia”. Con este fin lanzáronse medidas coma o programa Oportunius, que nos permitiu “recuperar talentos galegos”; o novo Plan de Financiamento Universitario, que condiciona máis fondos aos resultados da investigación; a creación de 19 unidades mixtas de investigación e a do Fondo autonómico de proba de concepto, que explora as posibilidades que ten un proxecto científico ou tecnolóxico de ser implantado no mundo empresarial.